Artigo : «

Pequena semblanza de Ramón Piñeiro

 »
Navegación : « Conferencia sobre Ramón Piñeiro | Alberto Pérez no Torrente »
Comentarios : Ningún, deixe un.

Pequena semblanza de Ramón Piñeiro

DataSábado 9 de Maio do 2009
CategoríasCalderetadas
Etiquetas,
Autoradmin

Ramón Piñeiro, primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, membro fundador de Galaxia e codirector de Grial, é unha figura esencial para entender o galeguismo da segunda metade do século XX, e unha das personalidades que máis influíron na vida política e cultural desta etapa.

(1915, Láncara - 1990, Santiago de Compostela). Ramón Piñeiro pasou en Lugo os seus anos de estudante, cun paréntese, entre o bacharelato elemental e o superior, no que volveu á súa vila natal para axudar nas tarefas agrícolas familiares e no que traballou en Sarria, onde asistiu á proclamación da II República. Na súa segunda etapa na cidade das murallas, e influído por un mitin do Partido Galeguista (PG), acabado de constituír, participou activamente na creación de Mocedade Galeguista de Lugo, da que sería elixido primeiro secretario de cultura e, máis tarde, presidente. Iniciouse daquela un período de intensa actividade política que o levou a ser elixido secretario do Comité Provincial do Estatuto de Autonomía, en 1936, e no que estableceu amizade, entre outros, con Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Castelao ou Gómez Román.

Rematada a Guerra Civil, trasladouse a Santiago de Compostela para realizar estudos de Filosofía e Letras na súa universidade, unha formación que acabaría abandonando ao centrar todos os seus esforzos no reagrupamento clandestino do PG, que en certo modo liderou. En 1946, á volta dunha viaxe que realizou a París para contactar co goberno republicano no exilio, foi deito e condenado a seis anos de prisión, dos cales finalmente cumpriu tres. Xa en liberdade, instalouse en Santiago de Compostela para apostar por unha estratexia culturalista que, en contradición coa postura dos galeguistas do exilio, desembocou no inicio dunha política cultural rexeneracionista con carácter legal que supuxo a autodisolución do PG en Galiza e que se concretou no nacemento da Editorial Galaxia en 1950. Desta última, de cuxa fundación foi artífice, foi o seu primeiro director ata 1966, ano no que viaxou aos Estados Unidos para exercer a docencia na Universidade de Middlebury (Vermont).

No seo de Galaxia, Piñeiro foi tamén codirector de Grial, colección que el mesmo inaugurou con Siñificado metafísico da saudade, o primeiro dunha serie de ensaios que dedicou ao estudo da saudade e da que forman parte tamén “A saudade en Rosalía” (1952) e “Pra unha filosofía da saudade” (1953). Posteriormente, o texto “Saudade e sociedade, dimensión do home” (1975), dunha conferencia pronunciada en Vigo nun ciclo sobre Galiza e o home galego, foi incluído cos anteriores en Filosofía da saudade (1984). A súa breve produción ensaística comprende tamén o título Olladas no futuro (1974), unha recompilación de 48 traballos aparecidos en diversas publicacións, entre 1949 e 1973, sobre a realidade socioeconómica e cultural galega, así como algúns que recollen reflexións sobre a situación europea e norteamericana.

En 1967 ingresou na Real Academia Galega co discurso A lingoaxe i as língoas (1967) e, xa en época democrática, participou das negociacións nas que se consolidou o Estatuto de Autonomía. Como independente nas listas do Partido Socialista de Galicia, foi elixido deputado do Parlamento Galego na súa primeira lexislatura, un cargo no que tivo especial relevancia pola súa defensa da Lei de Normalización Lingüística de 1983, da que foi un dos seus pais.

Desde 1983, e ata a súa morte, en Compostela no ano 1990, converteuse tamén no primeiro presidente do Consello da Cultura Galega. As súas actividades centráronse especialmente, nestes anos, en desenvolver unha intensa acción orientadora e coordinadora do movemento galeguista exercendo, sobre todo entre os mozos universitarios, un maxisterio de decisiva influencia galeguizadora.

En febreiro de 1993 a Xunta e Galicia creou o Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, que pasou a denominarse, a partir de 1997 Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Para saber máis…

Formulario : Comentar


É un usuario anónimo, pódese identificar.

Nome

Correo electrónico

Páxina web

O seu comentario (encoller | agrandar)


Pode emprega-las seguintes etiquetas HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>


Próximos Eventos
20/05/2012
Actividades Lefre
Maio 2012
L M M X V S D
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031EC
Non lle poñades chatas â obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe n’ela; hay sitio para todos.
Castelao
Artigo : «

Pequena semblanza de Ramón Piñeiro

 »
Navegación : « Conferencia sobre Ramón Piñeiro | Alberto Pérez no Torrente »
Comentarios : Ningún, deixe un.