Artigo 11º.-
A dirección e administración da asociación serán exercidas polo presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
Artigo 12º.-
1.- O presidente da asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os asociados e o seu mandato durará 2 anos. Será asistido nas súas funcións por un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
2.- O presidente terá as seguintes atribucións:
a) Representa-la asociación perante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar e presidi-las sesións que celebre a Xunta Directiva; presidi-las sesións da Asemblea Xeral; dirixi-las deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c) Executa-los acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
d) Ordena-los pagamentos acordados validamente.
e) Asina-las actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
Artigo 13º.-
1.- A Xunta Directiva estará formada polo presidente da asociación, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e 2 vocais.
2.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.
As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.
3.- A Asemblea Xeral será a competente para elixi-los cargos da Xunta Directiva. A súa duración será por un período de… anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.
4.- Os cargos cesarán na súa función por:
a) falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
b) renuncia voluntaria.
c) transcurso do prazo para o que foron elixidos.
d) acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 dos asociados reunidos en Asamblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.
As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de presidente, secretario e tesoureiro.
Artigo 14º.-
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
1. Programar e dirixi-las actividades asociativas.
2. Leva-la xestión administrativa e económica da asociación.
3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
4. Convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral.
5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.
6. Designa-las comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
7. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
8. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados.
9. Propoñe-lo plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10. Resolve-los procedementos disciplinarios que se instrúan.
11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da asociación.
Artigo 15º.-
1.- A Xunta Directiva será convocada polo presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
2.- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, do presidente ou vicepresidente e o secretario ou persoa que o substitúa.
O secretario ou, no seu defecto, o vocal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.
Artigo 16º.-
Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.
Artigo 17º.-
A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por tódolos integrantes desta. O presidente e o secretario da asemblea serán o presidente e o secretario da Xunta Directiva.
Artigo 18º.-
A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo 19º.-
A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no período que vai desde o mes de outubro ata o de decembro. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.
A notificación farase nos locais da asociación para as asembleas ordinarias e no domicilio dos asociados para as asembleas extraordinarias.
Artigo 20º.-
Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
1. Aproba-lo plan de actividades.
2. Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior.
3. Aproba-los presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
4. Exame e aprobación das cotas.
Artigo 21º.-
Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
1. Modifica-los estatutos da asociación.
2. Elixir e cesa-los integrantes da Xunta Directiva.
3. Aproba-la federación con outras asociacións.
4. Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
5. Acorda-la disolución da asociación.
6. Designa-los/as liquidadores/as.
7. Ratifica-la expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
8. Solicita-la declaración de utilidade pública da asociación.
9. Aproba-lo regulamento de réxime interno da asociación.
10. As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agarda-la súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
11. Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou a Xunta Directiva.
Artigo 22º.-
A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do presidente ou vicepresidente e o secretario ou persoa que o substitúa.
Artigo 23º.-
Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos ós apartados do 1 ó 7 do artigo 21º, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ó libro de actas e asinarao o/a presidente/a, o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.
Artigo 24º.-
Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.
As sesións abriranse cando así o determine o presidente. Seguidamente procederase por parte do secretario á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, o secretario procederá a presenta-la orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ó debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.
Artigo 25º.-
Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.
Artigo 26º.-
1. O secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notifica-las convocatorias, custodia-las actas e expedir certificacións destas co visto e prace do presidente. O secretario tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.
2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario, o presidente designará entre os vocais a un que desenvolva esta función.
Artigo 27º.-
1. O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o presidente, levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así como as contas de resultados e balances.
2. O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración da asemblea ordinaria.
Artigo 28º.-
Os vocais terán as seguintes atribucións:
1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2. Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.
| « Xan |
|
Mar » |
| L | M | M | X | V | S | D |
|---|---|---|---|---|---|---|
| 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | ||
| 6 | 7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 |
| 13 | 14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 |
| 20 | 21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 |
| 27 | 28 | 29 | EC | |||